Durante varias xornadas tivemos o pracer de visitar o CEIP Fogar para desenvolver unha serie de charlas ambientais dirixidas ao alumnado de 1º, 2º e 4º de Primaria. En total, realizamos 12 charlas nas que participaron ao redor de 240 alumnos e alumnas, dentro do noso proxecto A Costa da Coruña Limpa de Plásticos subvencionado pola Deputación da Coruña.
Foron sesións dinámicas e participativas nas que falamos sobre a problemática dos plásticos no medio mariño, a importancia de reducir residuos e como cada pequeno xesto conta para coidar a nosa contorna. O entusiasmo e a implicación do alumnado foron, sen dúbida, protagonistas en cada xornada.
A segunda parte da actividade levounos á contorna natural. Co alumnado de 1º de Primaria visitamos a Praia de Razo, en concreto a zona da Esplanada.
A pesar da súa curta idade, os máis pequenos demostraron unha enorme responsabilidade e compromiso. O resultado foi impresionante: 30 kg de plásticos e residuos recolleitos.
Que gran traballo realizado polos máis peques! 👏
Co alumnado de 2º de Primaria volvemos á Praia de Razo para continuar coa retirada de residuos detectados o día anterior.
Foi unha limpeza de gran calidade, na que se retiraron 22 kg de residuos. Ademais, durante a xornada localizouse un bidón de gasolina cheo, dando aviso inmediato ao concello para a súa correcta retirada.
Unha actuación que demostra que a educación ambiental xera conciencia… e acción!
O último día das xornadas compartímolo co alumnado de 4º de Primaria nas Marismas de Baldaio, un espazo protexido e de gran valor ecolóxico no concello de Carballo.
Grazas ao aprendido nas charlas ambientais, os alumnos sabían perfectamente onde debían pisar e onde non, que residuos retirar e que elementos naturais debían permanecer na ría e os seus arredores.
En total, retiramos preto de 30 kg de residuos, sendo especialmente preocupante a gran cantidade de pellets e bastoncillos atopados na zona.
Foron unhas xornadas súper divertidas e marabillosas, cheas de aprendizaxe, compromiso e traballo en equipo. Ver como o alumnado aplicaba os coñecementos adquiridos nas charlas directamente sobre o terreo foi, sen dúbida, a mellor recompensa.
Estas actividades realizáronse grazas ao apoio da Deputación da Coruña, que subvenciona o noso proxecto en limpocean A Costa da Coruña Limpa de Plásticos.


