No marco do proxecto Praias libres de Plásticos de limpocean, subvencionado pola Deputación da Coruña, tivemos o privilexio de visitar o CEIP Fogar en Carballo para levar a cabo unha serie de charlas ambientais dirixidas ao alumnado de 3º, 5º e 6º de primaria. Ao longo de varias xornadas, compartimos momentos enriquecedores con máis de 260 estudantes, falando sobre a importancia da reciclaxe e a problemática do plástico nos nosos océanos. A segunda parte deste proxecto será facer unha serie de limpezas en diferentes praias da zona.
Estas sesións non só permitíronnos informar sobre o estado actual das nosas praias, senón tamén aprender das inquietudes e coñecementos dos propios nenos e nenas. Foi unha experiencia repleta de aprendizaxes mutuas, risas e unha conexión única coas novas xeracións, que son clave na construción dun futuro sostible.
Que foi o que fixemos?
As charlas abordaron temas clave como:
- A situación actual das nosas praias e o impacto dos residuos na fauna mariña.
- A importancia de distinguir entre elementos naturais e artificiais presentes na costa.
Para pechar cada sesión, organizamos un xogo interactivo onde os alumnos debían identificar se os obxectos que lles mostrabamos pertencían á natureza ou eran residuos artificiais. Algúns dos obxectos que xeraron máis curiosidade foron:
- Esqueletos de lura.
- Ovos de manta e quenlla.
- Ferramentas como os escarvadentes das bateas e a súa función na acuicultura.
- Incluso algunhas etiquetas de pesca que atopamos nalgunha limpeza comparando as da Xunta de Galicia cunha que chegou desde Canadá.
Reflexión Final
A acollida por parte do alumnado e do profesorado foi excepcional. Estas actividades non só crean conciencia sobre a contaminación mariña, senón que fomentan o espírito e a responsabilidade ambiental desde idades temperás.
Agradecemos ao CEIP Fogar e á Deputación da Coruña polo seu apoio a esta iniciativa. Confiamos en que estas pequenas accións sementarán grandes cambios no futuro das nosas praias e océanos.








