O noso percorrido pola provincia continúa, e nesta ocasión tivemos o pracer de visitar o CEIP Ramón Artaza e Malvárez. Compartimos unha xornada enriquecedora xunto ao alumnado do centro, participantes da asociación Adisbismur e estudantes do IES As Insuas.
A sesión centrouse en dous piares fundamentais: o grave impacto do plástico nos nosos océanos e a importancia da economía circular como alternativa sostible para afrontar este desafío global. Foi moito máis que unha charla: houbo diálogo, dinámicas participativas e, sobre todo, unha gran implicación de todos os asistentes.
Coma sempre, os nenos e nenas mostráronse curiosos, comprometidos e con moitas ganas de achegar as súas preguntas e reflexións. Lembráronnos a importancia de seguir construíndo conciencia desde idades temperás. A súa mirada crítica e o seu entusiasmo son unha inspiración!
Esta actividade enmárcase dentro do proxecto «A Costa da Coruña Limpa de Plásticos», que levamos a cabo co apoio da Deputación da Coruña. O noso obxectivo é claro: espertar conciencia ambiental e fomentar o compromiso de toda a comunidade na protección do noso litoral.
Grazas ao CEIP Ramón Artaza e Malvárez, a Adisbismur pola cálida acollida e por sumarse a esta iniciativa con tanto entusiasmo.


