O pasado día 13 de maio, vivimos unha nova xornada do proxecto A Costa da Coruña Limpa de Plásticos, no CEIPP de Carnota, nunha actividade que destacou polo seu carácter educativo, participativo e interxeracional.
Durante a xornada contamos coa participación do alumnado de Educación Infantil, 6º de Primaria e tamén coa presenza de estudantes de 4º de ESO do IES Lambas de Castelo. Ademais, sumáronse usuarios de Adisbismur e da Casa do Maior Aquelar I e Aquelar II, creando un valioso espazo de encontro entre distintas xeracións.
Ao longo da actividade abordáronse temas clave como os problemas derivados do uso de plásticos, a economía circular, o coidado das praias, a reciclaxe e a protección do medio mariño. Un dos momentos máis enriquecedores foi o intercambio de experiencias entre xeracións, comparando a situación ambiental actual coa de décadas pasadas e reflexionando sobre os retos e oportunidades que presenta o futuro do noso planeta.
Este tipo de encontros reforzan a importancia da educación ambiental e do traballo colectivo para avanzar cara a un modelo máis sostible e respectuoso coa contorna.
O proxecto A Costa da Coruña Limpa de Plásticos conta co apoio da Deputación da Coruña, cuxo respaldo fai posible o desenvolvemento destas accións de sensibilización e concienciación ambiental.


