Esta pasada fin de semana tivo lugar unha impactante xornada de limpeza na praia de Caranza, situada xusto detrás do auditorio de Ferrol. A actividade, organizada por limpocean, contou coa participación de voluntarios e volntarias e a valiosa colaboración de Xeración, unha entidade que traballa con persoas mozas de diversos países en proxectos de voluntariado e sostenibilidade.
A primeira ollada, a praia parecía estar relativamente limpa, pero a realidade foi moi distinta. Durante a xornada retiráronse máis de 330 quilogramos de residuos, unha cifra que nos sorprendeu mesmo a nos. Entre os residuos máis destacados atopáronse gran cantidade de toalliñas húmidas enterradas, pneumáticos, sabas, restos de fibra de embarcacións e lixo camuflada entre a maleza. “A cantidade de residuos era indescritible. Esta vez realmente sorprendémonos co que conseguimos retirar”, sinala Ricardo, Presidente de limpocean.
Máis aló do resultado ambiental, foi unha experiencia enriquecedora a nivel humano. A xornada desenvolveuse nun ambiente de compañeirismo, intercambio cultural e moitas risas. “Compartimos experiencias, aprendemos os uns dos outros e, sobre todo, pasamos un día marabilloso con persoas comprometidas de diferentes lugares do mundo”, afirman usuarios de Xeración.
Esta limpeza enmárcase dentro do proxecto ‘A Costa da Coruña Limpa de Plásticos’, impulsado por limpocean co apoio da Deputación da Coruña, cuxo obxectivo é actuar en diferentes puntos do litoral coruñés para combater a contaminación mariña e concienciar sobre o impacto dos residuos.
Desde limpocean esperamos que esta sexa a primeira de moitas actividades e limpezas xunto a Xeración e outros colectivos cos que compartan valores de sustentabilidade, colaboración e coidado do medio ambiente.


