Con motivo do Día Mundial do Medio, celebrado este ano baixo o lema “Sen contaminación por plásticos”, tivemos o pracer de compartir unha tarde moi especial coas usuarias e monitoras de AFAFES en Cee, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer.
A xornada foi un espazo de encontro, reflexión e diálogo ao redor dun dos grandes retos ambientais do noso tempo: a contaminación por plásticos, especialmente nos océanos. A través dunha conversación próxima e participativa, falamos sobre o estado actual das nosas praias e costas, comparándoas con como eran anos atrás, e sobre os cambios que se perciben hoxe en día, tanto os avances logrados como os retrocesos que aínda preocupan.
As usuarias compartiron recordos, vivencias e puntos de vista moi valiosos, achegando unha mirada chea de experiencia e sensibilidade. Pola súa banda, as monitoras enriqueceron o debate co seu acompañamento e dinamización, creando un ambiente cálido e participativo.
Foi, sen dúbida, unha xornada de aprendizaxe mutua, onde o intercambio de ideas e experiencias demostrou que a conciencia ambiental non ten idade e que todas as voces suman cando se trata de coidar a nosa contorna.
Desde aquí queremos agradecer a AFAFES a súa acollida, a súa implicación e a oportunidade de vivir unha tarde tan enriquecedora, que nos lembra a importancia de seguir traballando xuntos por un futuro máis sostible e libre de contaminación por plásticos.
Esta actividade enmárcase dentro do proxecto A Costa da Coruña Limpa de Plásticos que conta co apoio da Deputación da Coruña.


