O pasado venres tivemos o pracer de compartir unha enriquecedora charla ambiental sobre A Costa da Coruña Limpa de Plásticos na Fundación Hogar Santa Lucía. Foi unha xornada estupenda na que non só tivemos a oportunidade de coñecer de preto as instalacións do fogar, senón que tamén desfrutamos dun recibimento incrible por parte das usuarias. Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Alejandra pola súa implicación e por permitirnos realizar unha actividade tan especial co fogar.
Durante a sesión, lembramos a recente limpeza realizada hai unhas semanas na praia de Bens e debatemos sobre o estado das praias da nosa contorna. A participación foi moi activa e o debate resultou ameno e interesante, o que nos reafirma na importancia de seguir xerando estes espazos de concienciación e acción polo medioambiente.
Esta é xa a segunda actividade que realizamos co Hogar Santa Lucía dentro do proxecto A Costa da Coruña Limpa de Plásticos de limpocean, que conta co apoio da Deputación da Coruña.
A valoración desta xornada foi moi positiva, e xa estamos a planear unha nova limpeza para seguir coidando os nosos océanos e fomentando a implicación da comunidade na protección do noso litoral e contorna natural.
Grazas a todas pola vosa participación e compromiso! Xuntas, facemos a diferenza.






