Agosto foi un mes de sol e, en xeral, de bo tempo, aínda que tamén nos tocou mollarnos nunha das limpezas por culpa da borrasca Erin. Ao longo do mes percorremos diferentes puntos da provincia da Coruña, desfrutando de paisaxes únicas e coñecendo a persoas xeniais que se sumaron ao noso obxectivo común: manter as nosas praias limpas.
A primeira limpeza do mes levounos ata Sardiñeiro, Fisterra, onde compartimos unha xornada co Campamento de Verán. Alí falamos sobre a importancia de coidar a contorna mariña e terminamos a mañá recollendo residuos na praia de Sardiñeiro.
A segunda limpeza foi co Clube de Rugby Fendetestas na Praia da Madalena, Cabanas. A borrasca Erin quixo poñer a proba a nosa motivación coa choiva, pero nin aos campistas nin a nós importounos mollarnos: a enerxía e as ganas de colaborar puideron máis que o mal tempo.
Pechamos o mes na Praia de Canido, en Malpica, acompañados polo Campamento Concilia do Concello de Malpica. Esta xornada foi aínda máis especial porque coincidiu co aniversario dunha das participantes, o que nos permitiu celebrar a limpeza cun toque festivo.
En todas as praias visitadas, os plásticos e residuos foron unha constante. De media recollemos uns 12 kg en cada limpeza, con cabichas, envases, redes, bastoncillos e botellas entre os refugallos máis habituais.
Seguimos traballando para que as nosas costas estean cada día máis libres de residuos e para que as futuras xeracións poidan gozar dun mar limpo.
Todas estas actividades desenvolvéronse dentro do proxecto A Costa da Coruña Limpa de Plásticos, que conta co apoio da Deputación da Coruña.














