O mes de agosto foi intenso, emocionante e cheo de compromiso co medio ambiente. En limpocean co proxecto A Costa da Coruña Limpa de Plásticos non paramos, sumando novas actividades de sensibilización e limpeza en distintos puntos do litoral coruñés.
Comezamos o mes visitando a Praia de Caión xunto á escola de verán A Carón do Mar. Cos seus 64 participantes compartimos unha xornada de charla e limpeza na praia.
Para algúns dos nenos e nenas foi un día aínda máis especial: era a primeira vez que vían o mar e pisaban a area. Unha experiencia que uniu descubrimento, aprendizaxe e coidado da contorna nunha mesma xornada.
O 13 de agosto desprazámonos á zona de Fisterra para compartir actividade co campamento de verán de Sardiñeiro. Foi un día espectacular nunha contorna preciosa no que, xunto aos seus 33 participantes, conseguimos recoller 30 kg de residuos.
O momento máis destacado foi a retirada dunha maraña de corda de pesca que estaba enterrado na area. Foi complicadísimo sacala, pero traballando en equipo conseguímolo. Un exemplo perfecto de como a colaboración multiplica resultados.
A mediados de mes visitamos a Praia da Madalena xunto ao equipo de rugby Os Fendetestas.
Primeiro realizamos unha charla sobre os plásticos e o seu impacto ambiental, e despois pasamos á acción cunha limpeza na que retiramos 40 kg de residuos.
O tempo non o puxo fácil: tormentas e trombas de auga acompañaron a xornada. Pero a xente do rugby está feita doutra pasta… e a quen lle fai dano un pouco de auga? A limpeza realizouse igualmente, demostrando compromiso e actitude.
A última actividade do mes tivo lugar en Malpica de Bergantiños, xunto ao campamento Concilia do Concello. Visitamos a Praia de Canido cos máis pequenos da escola de verán.
Ademais de aprender e limpar, tamén houbo tempo para cantar e celebrar os aniversarios de Olivia, que cumpriu 4 anos. Unha xornada entrañable que demostra que coidar o planeta tamén pode ser unha festa.
Agosto déixanos cifras, esforzo e moitos quilos de residuos retirados, pero sobre todo déixanos conciencia, aprendizaxe e comunidade.
Todas estas actividades enmárcanse dentro do proxecto A Costa da Coruña Limpa de Plásticos, que conta co apoio da Deputación da Coruña.


